luns, 24 de febreiro de 2014

NOVA BIBLIOGRAFÍA PARA TRABALLAR

Novos libros de base para traballar esta temporada de Proxectos e actividades. Poesía, muller, sentimentos, ROSALÍA.
Ademais dos textos, audios e videos que temos de outros anos, este ano decidimos facer algo orixinal sobre a figura de Rosalía. Para iso solicitamos un libro novidade, de agora, de Xaneiro do 2014.


ROSALIA DE CASTRO. Imaxe e Realidade.
Autor: Fernando Pereira Bueno
Editorial Xerais,2014

Tratase dun libro para os mestres, en principio, para traballar sobre a imaxe de Rosalia de Castro e logo dar a coñecer a o alumnado técnicas e ilustradores galegos de grande relevancia. Do retrato serio do óleo á caricatura, o "pop art" e a banda deseñada así como outras técnicas modernas.
Poñerlle rostro á Nosa Rosalía... e á súa poesía.

Marzo. Muller. Contemporánea a Rosalía, distinta pero galega e da época...


 EMILIA PARDO BAZÁN. Unha nena seducida polos libros.
Autora: María Xosé Queizán
Ilustradora: Ana Santiso
Editorial Xerais, 2014

Un libro moi completiño para irse cos rapaces e rapazas un século atrás e entender como podería ser a vida desa época: Ciencia, libros, muller e sociedade. Contado para nenos e nenas. Pódese aprender moito. De seguro que haberá que traer varios exemplares para a Biblioteca...Un libro que pode gustar moito.

ENTROIDO,... DE RODA EN RODA


DE RODA EN RODA. Músicas e danzas do mundo.
Autores: Suso Cancelas
              Javier Jurado
              Pilar Sampil
Editorial Galaxia, 2013
Contén CD e DVD

Fantástico para o traballo que temos pensado levar a cabo este Entroido. Despois de moito deliverar e discutir unha temática xeral acorde cos Proxectos do Centro, acordamos facer unha Mostra Folclórica coas culturas e países implicados este ano. Os socios Comenius (Francia, Polonia, Rumanía e España) do Proxecto Shall we dance? máis Galicia, América con Katie e Italia, con Lisa. Pois aproveitamos para aprender das distintas culturas, repartimos o traballo e preparamos traxes rexionais e un baile representativo de cada un dos países ou culturas.

A Infantil tócalles Galicia, a 1º curso España, 2º curso América, 3º curso Italia, 4º curso Francia, 5º curso Romanía e 6º curso Polonia.

Interesante traballo! Damos grazas ás familias que colaboran desde as súas casas para poder completar os disfraces. Xa vimos o bonito que é facer as cousas coordinadas e en grande grupo, todos remando ao mesmo compás. Pois, unha vez máis necesitamos da colaboración das familias para a base dos disfraces mentras no colexio elaboramos o disfraz e o baile para a Mostra Folclórica.
Así presentaremos e daremos sentido e moita significatividade ao Proxecto Europeo Comenius que comeza este curso, coñecemos dos países socios e dos bailes e culturas.
Comenius, Extraescolares, Biblioteca, Dinamización Lingüística,... todo o Centro e toda a Comunidade  traballando conxuntamente.
E veña Entroido e veña Meco.Mañá non esquecer o sombreiro!

Grazas ao Equipo de Biblioteca por facerse cargo desta nova Bibliografía.
Seguiremos buscando libros interesantes para poder levar a cabo os nosos Proxectos e aprendizaxes.
A disfrutar dos bos libros!

domingo, 23 de febreiro de 2014

A PAISAXE: VERDE GALICIA E AMARELA, CASTELA!

Dicir "Adios" á Paisaxe Galega é saber que has sentir saudade da terra onde naciche, onde te criache: os prados, os ríos, as arboredas, os pinares que move o vento, os paxariños piadores, o son do mar e das ondiñas que veñen e van...

En Castela, o piar dos paxaros non se escoita como aquí. Os paxaros son os que marchan de Castela para non morrer abrasados co sol e a seca. Así nos conta Rosalía nos prólogos dos seus poemarios e nos seus poemas. Lonxe da terra dun, síntese soidade e moita morriña da terra e dos cantares dunha gaita.

Que non teñamos que repetir o pasado marcado pola Emigración lonxe da terra en busca de traballo, dicindo adios ao que un máis quere.
                                 "Este vaise, aquel vaise, e todos se van"...


                                                                             Rosalía de Castro

Medremos vendo a nosa fermosa paisaxe, a vista dos nosos ollos!. Paisaxe Galega de azul mar e verde terra.
"Miña casiña, meu lar".

Hai máis dun século, Rosalía, coa súa poesía intentaba e conseguía facernos ver a fermosura da Paisaxe Galega e o triste que pode chegar a ser alonxarse da Nosa Terra e  ter que dicir:


 Adios ríos, adios fontes,
adios regatos pequenos ,
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos...!



 Imaxe de Rosalía xove ,basada no retrato fotografico que gardaba Pondal entre as súas cousas.O autor da fotografía  é o francés Louisse Encausse,un dos máis importantes profesionais da fotografía en Galicia na segunda mitade do século XIX. Unha Rosalía de 18 anos.
Aquí encontramos un recorte desa foto adornada con fondo verde e sombra branca. Navegamos pola rede e pola Galicia Espallada para encontrar un rostro xove da poeta.


 Galicia Espallada. Terra de poetas. Rosalía de Castro (1837-1885)
http://www.galiciaespallada.com.ar/







ROSALÍA, LÍA, LÍA E LOGO ESCRIBÍA. POESÍA

Se poñer palabras ás imaxes non resulta moi doado...pois, fagamos ao revés e intentamos buscar imaxes para ilustrar textos. Os textos elexidos: a Poesía de Rosalía!

Día 24, Día de Rosalía, estamos de celebración.

O Colectivo Pensamento e Sementeira organiza un recital da poesía de Rosalía por veciños de Viveiro. A cita é no Conservatorio de Música. Non faltes!

Para saber máis desta e outras actividades culturais do Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro, recomendamos a visita ao seu blogue
http://pensamentoesementeira.blogspot.com.es/ 


No colexio, tamén teremos o noso recital.
Este luns 24 de febreiro temos a axenda chea de actividades!

 Imaxe de Rosalía "pop art" do Rei Zentolo.


O mesmo luns 24 de febreiro: Contacontos de Kalandraka.
Explicamos un pouco a idea do noso traballo arredor do calendario de actividades. Contacontos e Recital.

E.I e 1º curso de Primaria teñen Contacontos con Alex e Patricia, da Editorial Kalandraka, que lles van a presentar Libros para soñar, animando á Lectura e acompañados da maxia  do acordeón. Un dos contos que presentan leva por título Mamá. Álbum ilustrado.
Un Álbum ilustrado é un conto onde o principal son as imaxes. Hai pouco texto. Normalmente os álbumes ilustrados son feitos conxuntamente por dúas persoas, a autora e a ilustradora ou...só pola persoa ilustradora.
 




Lembramos que xa se iniciou a Camaña con moito Sentimento por parte da Biblioteca: Quérote moito!

 Con suxerentes lecturas e libros para traballar o tema dos sentimentos, difíciles de debuxar e expresar.
Pois, moito dos libros son Álbumes ilustrados, e moitos da Editorial galega Kalandraka, que da moita importancia e apoio ás persoas ilustradoras (certames importantes  de ilustracións, traducción a varios idiomas,..).


 Ai, miña nai! Kalandraka e outras Editorias mostran nos seus libros a importancia das nais.


Rosalía, muller, poeta, e nai de sete fillos. Exemplo de sentir e de sentimento. Moi adentro!


Entón, queda claro que nun conto actual para nenos as ilustracións (imaxes que acompañan ao conto e completan significados) son moi importantes.
Claro que este estilo artístico de fusionar imaxes e texto nunha composición final é relativamente estilo recente.
Pois a Nosa Rosalía, no século XIX non contaba da riqueza que aportan as ilustracións, e menos co colorido actual. As ilustracións de hai un século eran poucas e en branco e negro, como a época.
Se preguntamos aos maiores, aos avós da nosa Comunidade, dirannos que os libros de antaño non tiñan debuxos, era todo letra, tinta negra sobre fondo branco. A palabra era moi importante. Os escritores e escritoras tiñan que manexar moi ben as palabras para conseguir expresar sentimentos. Só co texto. e os escasos recursos da época.
Para escribir ben, antes hai que ler. Ser lector ou medrar nun ambiente de libros. Ler e sentir cos libros.
Rosalía lía, lia e lía por iso logo escribía. Escribía prosa e poesía. Escribía porque lía. En Castelán e tamén se atreveu a facelo en Galego, na língua que falaba e na língua que non se escribía na súa época. Cantares Galegos(1863) e Follas Novas (1880) son dous fermosos poemarios onde a Nosa Poeta pon letra á sociedade, á paisaxe, á gastronomía e ao folclore da época. Á vida cotidiana e ao traballo diario nunha Galicia de Mar e de Agro, de problemas económicos e marcada pola Emigración. A nosa identidade Galega en Cantares e en poesía.
 A Poesía é un medio e unha maneira de escribir para expresar. É o sentimento feito palabra. Como mellor se epresa é na Língua de cada un, na nosa lingua sonora á que estamos vinculados dende o berce.
Escribir poesías é reflexar o sentir e o sentimento empregando xogos de palabras, musicalidade, sonoridade, ritmo e melodía. Os significados non están directos no texto, como pasa con un conto. Unha poesía hai que lela, lela e volvela a ler. En voz baixa e tamén en voz alta. Unha poesía hai que escoitala e logo de escoitala moitas veces e lela moitas veces, pódese, cos ollos pechados... escoitar dentro e construir significados.
Unha poesía é ... o que lle di a cada un que a escoita, a le e a sinte. Que nos fai sentir? Que imaxes e sons se misturan na nosa cabeza coas palabras conxugadas da poesía? Que sentimos cando sentimos poesía?

Pois, de toda esta reflexión, nace unha nova proposta como Oportunidade aberta de aprendizaxe e con moito sentido e significatividade para axudarnos a comprender un pouco mellor porque cada 24 de febreiro debemos celebrar e homenaxear a Rosalía de Castro. Por que é importante que o fagamos?

Rosalía está nas nosas vidas, sempre estivo. Os seus versos e algunhas das súas expresións oímolas moitas veces dos nosos maiores. Igual non saben nin sabemos que son versos de Rosalía pero están no noso día a día xa normalizados. ("Sábado á noite Marica colle a roca..."," Non digo nada, pero...vaia", "Moucho que estás no penedo, non che teño medo",...
Redescubramos xuntos a Rosalía e tamén á súa poesía.

Propoñemos unha tarefa propia do traballo por Competencias. O obxectivo final é o Acto Homenaxe a Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, no colexio.
Distribuimos o traballo. Esta vez tócalle traballar máis e conxuntamente ao alumnado de 2º e 3º ciclo de EP.
Por aulas, preparan a súa participación: un ou varios poemas para recitar entre o grupo, en pequenos grupos (como é o caso de 3º e 4º curso).

5º curso está traballando, en Artística, a ilustración e as composicións texto-imaxe, imaxe-texto para conseguir un bo traballo final. Sudaron tinta para poñer texto a imaxes e agora esforzanse para poñer imaxes a textos dados. IMAXES Á POESÍA DE ROSALÍA.
Cada rapaz e rapaza de 5º curso está a traballar individualmente cun poema de Rosalía. Cada un ten o texto e unhas bases escritas onde explica como facer un bo traballo de ilustración do texto e un bo traballo final que inclúe a preparación dun fragmento de texto ou poema para ser recitado. Expresión oral.
Daquela, os traballos finais inclúen texto escrito do seu puño e letra, ilustracións do texto e recitado no Acto Homenaxe a Rosalía. Moito ánimo a estes rapaces, que se están esforzando moito para que todo salga moi ben mañá!
Ánimo, aos recitadores de 3º, 4º e 5º de EP!
Estamos desexando escoitarvos, lervos e sentir a través de vós a poesía de Rosalía e os seus Cantares Galegos xermolando en Follas Novas...!

Cita, con xente que recita!
24 de febreiro. Todo o Día con Rosalía! Os coles  e tamén o Concello de Viveiro. A Comunidade Educativa quer vibrar coa poesía musicada de Rosalía de Castro.
ESCOITA, LE, SINTE, IMAXINA...






POÑENDO PALABRAS AOS CADROS DE H.XEADA


Logo de contemplar detidamente algúns dos cadros de H.Xeada, eleximos un cadro representativo por ciclos, para traballar e profundizar un pouquiño máis.

A Infantil e ao 1º ciclo de Primaria, tócalles a parte máis alegre, a festa, as nosas festas, nas que non faltan gaiteiros, pandareteiras, o tamboril e máis o bombo.  Traxe rexional, romarías e foliadas. Monteira, polainas, faxín e saias vermellas, camisolas brancas e cintas tamén vermellas. Moita cor, moita música e moita alegría. Partindo dos cadros de Gaiteiros, pintaron, xogaron cas cores vivas, cores de festa.
 "O pinteiro" (pintor que pinta gaiteiros) é o nome co que Óscar, de 4 anos, se refire a Xeada.

O primeiro ciclo de primaria, con axuda das mestras Montse e Ana Blanco atrevéronse a facer uns movidos gaiteiros, siluetas grandes de cartón para logo de pintalas, poder facer unha composición que acabe nunha "rolda de muiñeiras". Así se escoitan os "lalalás" de cores intensos.

2º ciclo de Primaria. Céntrase nos cadros das esceas de traballo. Traballo no campo e traballo no mar. Persoas enfaenadas nos portos e tamén no campo. Mariñeiros, peixeiras. A escea á que lle poñen título descripción e palabras é unha escea mariñeira: gaivotas, mar, peirao, peixe e peixeiras, descarga.





Costou moito, ao principio poñer as palabras. Empezaron por intentar poñerlle un título. Rapaces e rapazas de 3º curso propuxeron títulos como: Traballando no porto, Mar de peixes, As mulleres e o peixe,.. e ata As do peixe (como a obra de teatro de Cándido Pazó, na carteleira de Viveiro en febreiro).
Pois, a primeira observación foi que, ainda que é unha escea de mar, das sete persoas que aparecen, seis de elas son mulleres. En primeiro plano, mulleres e peixe. Traballo.

Logo dun título suxerente, comezaron a escribir cousiñas sobre aquelo que lles ía dicindo o cadro. Álgúns fixeron unha descrición do cadro,eso sí, coidando a estrutura das frases e o seu escrito. Outros imaxinaron a conversa entre o mariñeiro e a familia, nena e nai. A conversa das mulleres mentras traballan...tamén foi tema dalgún dos escritos.
Ainda están escribindo e repasando...pero pronto nos amosarán os seus textos.

 Os maiores, 3º ciclo. 5º e 6º curso tamén poñen palabras a un cadro elexido para eles, xusto porque son os maiores. Pois, cadro de avós.
 Avós e avoas, persoas maiores con experiencia de vida e moita sabedoría. Xa vimos dicindo en moitas ocasións que os maiores son moi importantes na nosa sociedade.
O traballo que fixeron as rapazas e rapaces foi do máis interesante. 6º centrouse primeiro, para agudizar e practicar a observación silenciosa, na parte artística. Probou a facer unha recreación do cadro calculando o espazo, dividindo o espazo segundo as indicacións da mestra Cristina. Pronto se deron conta das simetrías que encerra o cadro, do xogo de simetrías maravilloso. Un parque. Dous bancos. Unha árbore detrás de cada banco. Catro persoas en cada banco. Interaccionan de dous en dous... Canta simetría!
Tamén estudaron as cores. Xa non eran as cores vivas dos gaiteiros, os azuis e verdes do traballo do mar e da terra, eran cores frías propias da moda dos nosos avós.
Profundizando 5º e 6º na parte artística observaron unha técnica que lles chamou moito a atención porque se repite en moitos cadros do artista Xeada: Os trazos brancos, os perfís brancos e as sombras brancas  que rodean as figuras humanas e lle proporcionan un efecto de resalte xenial. ( Serían os Nimbos, os mesmos que dan título ó libro do poeta Díaz Castro, homenaxeado das Letras Galegas 2014. ) Claro que o noso alumnado ainda non sabe o que son os Nimbos pero ...esa aureola de branco brillo arredor das persoas que traza Xeada pode ser unha pista para comprender.
Nas pinturas de Xeada resaltan as persoas,iso está claro. Persoas que conversan, que falan, que contan historias e son testigas do pasado. As persoas do cadro falan ainda que non as escoitemos. Toca que os maiores nos conten as historias.
De todas as historias que se atreveron a contar a partir do cadro de estudo, destacamos e reproducimos a de Sergio Rojo, de 5º curso.
Poñemos outra vez o cadro para situarnos e, logo, atentos a ista tenra e preciosa historia da man de Sergio.


O BANCO DA ESTACIÓN   , por Sergio Rojo, 5º EP 

Cada día, no parque da Estación, xúntanse moitas persoas maiores, para pasar un pouco de tempo entretidos.
Xosé e Pedro, viven alí preto do parque. Os dous coñécense hai moitos anos, pois traballaron xuntos na mina da Silvarosa. Teñen sempre moito que falar, lembranzas e penurias pasadas. Agora Pedro necesita un caxato para camiñar. Ao lado dos vellos amigos están María e Rosa, que son as súas mulleres. Elas tamén hai moito tempo que se coñecen. Sempre falan de receitas de cociña que intercambian e tamén falan de costuras. Cando María e Rosa eran máis novas, as dúas cosían. Agora están preparando os disfraces para os netos. Falan dos netos.
Noutro banco están sentados Antón e Ana. Eles hai uns anos viñeron retornados de Arxentina. E encántalles este parque e este banco onde esperan unha raiola de sol. Sempre que poden, sentan no mesmo banco.
Na esquina, están sentados dous veciños doutro barrio, que todos os días que poden, veñen camiñando co seu can.
O banco é un lugar de reunión para todos eles. Moitas veces levan as cartas por se xogan a partida. O parque é un sitio moi agradable por onde pasa moita xente porque preto do Parque está a Estación do tren.


Grazas Sergio, por tan bonita historia , e grazas a todos e todas que participan con moita ilusión deste conxunto de actividades de aprendizaxe e Competencias. GRAZAS!  

Anímate a observar os cadros e a contar historias sobre eles!
Ponlle palabras ao que ves! Inténtao, verás que historias aparecen!