domingo, 20 de abril de 2014

NOVAS ACTIVIDADES E NOVAS APRENDIZAXES

Despois destos días de descanso das aulas máis vale que veñamos coas baterías ben cargadas para enfrentarnos a novas e interesantes aventuras nas que nos embarcamos en Galdo.
Algúns, como Antonio o conserxe e os mestres, combinaron descanso con traballo para preparar as novas actividades que se nos presentarán á volta. Uns preparando novos rincóns e escenarios, tratando de actualizar os blogs e rematar de maquetar o Boletín de novas Como cho conto! nº5, outros redactando guións e organizando próximos eventos, preparando os materiais necesarios, ocupándose das tecnoloxías, preparando as clases,..

Pois, este domingo de Resurrección...xa podemos adiantar algunhas novas actividades...

O  3º ciclo ten moito traballo co tremendo esforzo de documentación Audiovisual para preparar o Telexornal e outras sorpresas, estará investigando a fondo sobre vida e obra d o Poeta Díaz Castro...Así que...

Atención o 2º ciclo!


O martes 22, o día de volta das vacacións primaverais, os vosos titores repartiran unhas bases escritas sobre a actividade a realizar por cada grupo. É importante que prestedes moita atención, leades ben e faguedes un bo traballo, con tempo e esforzo.

4º CURSO. Cartaz Anunciador das Letras Galegas 2014. Atentos ás bases sobre o tipo de formato, o texto e obra plástica que debe incluir... E "mans á obra"! O prazo remata o mércores día 30 de Abril!

3º CURSO. A vista dos meus ollos. As nosas paisaxes. Moi atentos ás bases explicativas para facer un bo traballo de documentación, escrito e logo de exposición oral. Vós tedes máis tempo para documentarse ben pero ide planificando para empezar as Exposicións orais en Maio. Queremos ter tempo para aprender de todas e de cada unha das vosas vistas.

Calma, lede ben as bases. Se tedes dúbidas preguntade, e....veña, que hai moito que investigar e aprender.

Infantil e o 1º ciclo tamén teñen traballo, sobre festas


Temos uns días de descanso das aulas  moi valiosos do 1 ao 5 de Maio. Esperamos ter ben maquetado o Boletín de novas COMO CHO CONTO! nº5. Xaneiro-Marzo. A idea e que podades disfrutar con tranquilidade vendo, lendo e comentando en familia. Os contidos, algúns xa coñacidos e comentados nos diferentes blogs: Homenaxe ao artista H.Xeada, Día da Paz, Homenaxe a Rosalía de Castro, outras celebracións e Actos, certames, premios, presenza na prensa e...fotos comentadas que foron chegando á Editorial. Tede paciencia, se tardamos en publicar é porque o queremos facer as cousas ben, con calma e introducindo melloras cada vez. 

Seguimos traballando, Familias! Ainda temos algunha que outra sorpresa máis...Non o imos contar todo, verdade?


SEMANA SANTA. DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL.


Outra festividade importante sobre a que é preciso documentarse. Un ano coa denominación de Interese Turístico Internacional e desde 1988 Interese Turístico Nacional.


Pero a Semana Santa de Viveiro é importante dende moitos anos atrás. Como se orixinaría? Por que se empregan imáxenes tan antigas? Por que é tan importante a Imaxinería?Por que sería denominada de Interese Turístico? Por que?

Para encontrar respostas,consultar libro de actos, ollar carteis antigos dende 1946 e outras curiosidades, ver fotos e o xenial video promocional das Cofradías con vistas aéreas da zona, para saber máis, podedes visitar directamente a páxina




Dentro da Semana Santa de Viveiro, está moi ben considerada dende hai moitos anos a Semana Santa de Galdo.



Moita xente veu ou oiu falar do Encontro de Galdo, con imaxes articuladas como as de  Viveiro.


Os días de Semana Santa Viveiro énchese de xente procedente de lugares moi distintos. Non só xente devota  para acudir aos actos relixiosos, senon que hai moitos atractivos. Unha axenda repleta de actos culturais e o reclamo das Procesións onde participa todo o pobo,a rica imaxinería e o redobre de tambores recorrendo as rúas do fermoso e emblemático Casco Histórico.

A xente do lugar acode ao compromiso de participación e os visitantes ou turistas veñen encantados para disfrutar do Entorno, das Procesións, da oferta gastronómica e cultural que ofrece a zona.

Pois é preciso darse conta do afortunadas que somos as persoas de Viveiro. A zona ten mar, campo e río, ten historia milenaria...ten de todo! Que lle pregunten aos mestres polacos que estuveron coñecendo a zona e marcharon marabillados! Ou...preguntémoslle a Lisa e a Katie,ou aos familiares de fóra que tivemos como invitados estes días. Á xente do lugar tamén nos gusta re-encontrarnos coa riqueza que temos.

Devotos ou non gustamos das procesións e da participación conxunta. Tanto é así que non queremos que acabe a festividade da Semana Santa. Os nenos e nenas de Viveiro teñen a súa "Semana Santa dos Nenos", xa de volta das vacacións.

Coas Imaxes-pasos en miniatura, dende a "Burriquita" á Ultima Cea, serios levadores, tambores, ata autoridades e mantillas.

Fagamos un repaso rápido da "pequena" Semana Santa 2013, porque hai caras moi coñecidas...




Terá algo que ver Dolo en todo esto? 


Orde! Que o pequeno Concello e os seus servizos tamén son importantes.


Están os tambores preparados? Pois, adiante...

















Descanso para logo continuar...



Hai quen cambia o traxe e desempeña distintos papeis...





Os levadores da Última Cena , o paso máis pesado de todas as Imaxes...


Marcando o paso, serios...


Mantillas?!...




As Procesións empezan e acaban con tambores despois dos longos itinerarios


Está claro que en Galdo hai expertos en Semana Santa...

Estas só son algunhas imaxes. Os protagonistas poderán contarnos moito sobre o tema, verdade? Explicar, Informar, contar... Estamos desexando saber e volver a vervos na "pequena" e Semana Santa 2014.

Grazas á Xunta de Cofradías e a todas as persoas que fan posible momentos tan bos como estos, á Organización e aos que sacan as fotos e nos deixan usalas.
Reforzando o concepto de Comunidade e dando sentido á participación conxunta.

Máis fotos e máis datos na páxina antes sinalada.

Enlace directo ás fotos: 

http://www.semanasantaviveiro.com/index.php/fotos/nenos

Sabemos que moitos e moitas de vós estades cos preparativos. Todo o proceso serviravos para documentarvos mellor e facer un bo traballo. Esperamos os vosos escritos!
Esmerádevos para que os vosos traballos podan publicarse. Escribide e pedide axuda aos vosos mestres, pero escribide!

Semana Santa de Viveiro
Semana Santa de Galdo
Semana Santa dos Nenos


Outra preguntiña  para acadar unha boa nota en Investigación... Terá algunha relación a Semana Santa co artista mariñano H.Xeada?


Claustro de San Francisco


Praza Maior


3º Premio Concurso de Cartaz Semana Santa Viveiro 2010, Hipólito Xeada Pena.

Como relacionas todo isto? A por nota pequenos e pequenas investigadores...

venres, 18 de abril de 2014

ROMARÍA DAS TORTILLAS

Na entrada anterior, falando do Festival Martisor, dicíamos que nós tamén tiñamos o noso xeito de darlle a Benvida á Primavera. O Domingo da Tortilla!

Cando? Onde? Que se fai? Por que tortilla? Documentámonos!Lemos e buscamos respostas. Informamos.

Cando cadra? Cando é?
O domingo anterior ao domingo de Ramos .A data depende de como cadre a Semana Santa, pero é en Marzo ou a primeiros de Abril .Este ano celebramos o domingo da Tortilla o día 6 de Abril ,pois o Domingo de Ramos, comezo da Semana Santa cadrou o 13 de Abril.

Onde se celebra?
Se é festa da tortilla, celebrarase en España,non si?
En algúns concellos de España. Entre eles, en Viveiro.

En que consiste a festa, que se fai ese domingo?
Trátase de celebrar a chegada da Primavera e do bo tempo logo do frío inverno. En familias ou en grupos de amigos vaise  pasar o día aos areais, ou ao campo, ou a algunha finca particular. Lévase a bebida e a comida. Refrescos, viño, empanadas e  tortillas. Todo o día de troula.

 Por que tortilla?
 Porque a tortilla é unha comida que sabe ben ainda fria. Ademáis é unha comida moi aforrativa, co ovo repartido para comer varias persoas. As galiñas están poñedoras coa chegada da primavera e temos patacas da horta galega. Quizá teña orixe franciscana, como nos sinala o mestre Paco Luís. E comezara a tradición coas tortillas.

E sabemos facer a tortilla de pataca? Tamén podemos consultar e escribir a receita: Ingredientes e Preparación. Anímaste?


 O luns, despois dese domingo, nas clases facemos moitas actividades, de contar o día, de buscar información, de escribir distintos textos relacionados e en diferentes idiomas.
Por exemplo, Hugo Casas cóntanos como pasou él o día en familia. Foron a  Marcelle!



Tortillas. Compartir o momento. Pasalo ben. Recibir a Primavera, o bo tempo e os días máis longos.
Festa, romaría. Persoas ao redor da comida. Unhas tortillas, unhas empanadas e veña festa. Parolar, brincar, rir, contar contos. Pasar o día de Romería.
Conta ti, como pasache o día das Tortillas?

OBRADOIRO DOS TRAXES REXIONAIS

Seguimos amosando máis Entroido...e tamén o traballo que conleva.
 Como se fixeron os disfraces,os traxes rexionais?
Como transformamos as bolsas de plástico en verdadeiros traxes identificativos?
Pois, con moito traballiño e paciencia e colaborando mestres, alumnado e familias.
Búscase unha temática aberta e representativa do que estamos traballando ao longo do curso. Logo, por grupos e ciclos imos concretando o traballo.


Proceso:

1. Documentación. Como é o traxe que imos elaborar? Búsqueda de información.
2. Planificación. Que materias necesitamos. Facemos o deseño e os bosquexos necesarios.
3. Elaboración paso a paso. Fanse os patróns de cada peza. Tómanse medidas e fanse os traxes en serie.
4. Resultado final. Próbanse os traxes e danse os últimos retoques.

Este é o procedemento xeral para cada un dos traxes feitos.

Vexamos agora, con máis detenemento exemplos máis concretos.

CASO DOS TRAXES ROMANESES.

Documentación.
 Na rede, no libro De Roda en Roda, romaneses que viven na nosa contorna...


Planificación.
 Fanse os bosquexos, lista de materiais necesarios. Deseños. Que pezas se poden traer da casa e que pezas se armarán no colexio. Búscanse, pídense e prepáranse os materiais.







Da importancia de facer os bosquexos!


Un Patrón para seguilo


Elaboración paso a paso
Se queremos que o alumnado participe de todo o proceso aprendendo significativamente, os borradores e as instrucións deben ser moi claras. Antes de poñerse a traballar sobre as bolsas de plástico é preciso facer probas sobre o papel.


Seguindo o Patrón e facéndose consciente de como é o proceso.








 Xoel corta tiras douradas.As medidas 120cm x 1,5 cadrados.Concentrado e equipado dunha boa regra para facelo ben.








Practicando os bordados con rotuladores permanentes sobre un retallo de bolsa blanca.
Non é doado,verdade?




O resultado final.
Esmerandose en facer lindos caraveis con alame e papel de seda, blanco e vermello, para adornar o sombreiro.






xoves, 17 de abril de 2014

1 DE MARZO. FESTA ROMANESA DO MARTISOR

Ben, seguimos aprendendo das festas e das diferentes  culturas. EEUU, Italia e agora... imos cos socios europeos Comenius do Proxecto  "Shall we dance?"  (Bailamos?). Os socios Comenius, xa foron presentados na Mostra Folclórica do Entroido: Polonia, Romanía, Francia e España.

Pois, imos con Romanía. Aos protagonistas xa os coñecemos, alumnado de 5º curso, no papel de romaneses e romanesas.


Quinto curso aprendeu moito documentándose nos meses de febreiro e marzo. Non só para a elaboración dos disfraces:os traxes rexionais. Foron máis alá. Consultaron as fontes ao alcance,e á comunidade de romaneses residentes en Ourol. Buscaban unha festa importante en Romanía. Así preguntaron e así investigaron.
 Importantes son dúas festas romanesas: as bodas e o Martisor. As bodas romanesas duran días.

O Martisor é unha festa romanesa moi importante. Celébrase a chegada da Primavera. É unha festa relacionada coa Muller , a poesía e a Primavera.

Martie, Marzo. O primeiro día de marzo ten lugar un Festival moi importante. Bailes, acordeóns e danzas dos distintos grupos rexionais. Recital de poemas romaneses de primavera.
Dúas cores son as corporativas e significativas: vermello e branco. Vermello símbolo da enerxía e vitalidade. Cor da sangue e da vida. Branco, cor da pureza.
Tradición e lenda. Segundo a lenda, un xove moi valente  foi en busca do sol roubado no tempo frío. A Primavera é nova vida. O valente rapaz rescata e trae de volta o sol.
 Chegada da primavera. marzo, mes da Muller. Recoñecemento. Muller, vida. Flores, a "Gioche", a campaniña branca.


Buscamos información sobre esta festa. Vimos os videos do Festival Martisor 2014, onde poidemos comparar os nosos disfraces cos verdadeiros traxes rexionais. Escenario decorado con flores vermellas e brancas. Música, acordeón e folclore romanés. Unha festa que xa sona moi familiar para o noso alumnado...

Festival do Martisor. Vídeo Asamblul, Izvorasul, Martisor 2014, no Youtube. Subido por zivadeazi.md, stiri din Cahul. Enlace directo ao Festival:
http://www.youtube.com/watch?v=eZQN3SAAiJo

1 Martie 2014 Martisor in Cahul.Vídeo subido ao Youtube por Oleg Diaconov.
O mesmo escenario e distintas xeracións que cantan e bailan: nenos e nenas, xoves e adultos.
http://www.youtube.com/watch?v=TfwEf4FSUbM

Fixámonos nos traxes rexionais diferentes segundo a rexión, o escenario motivo Martisor, xogando co vermello e o branco, os bailes, as parellas e todo o conxunto.

Quedámonos con algunha instantánea que resuma o Festival e a nosa investigación.




Comparamos agora co baile que fixeron os nosos  romaneses e romanesas de 5º, o 28 de febreiro, xusto o día anterior a este Festival.


Instantánea do baile romanés na festa do Entroido.


Entón que é o Martisor? Cal é a  orixe e a tradición desta festa?


Os rapaces e rapazas de 5º curso fixeron un bo traballo de documentación. Até se atreveron a argallar o seu propio Martisor.

Un  agasallo ás mulleres. Con moita tradición. Actualmente incorpórase unha xoia, un detalle para acompañar o trenzado vermello e branco.

 Aproveitamos o deseño do detalle para o concurso "Deseña unha xoia para túa nai" da Escola Oficial  de xoieiros de Galicia.




Todo un proceso artístico dende a documentación e o deseño até a súa elaboración.
  1. Documentación. Visionado de vídeos. Que é o Martisor? Orixe, tradición e lenda. Tutoriais de elaboración do  trenzado vermello e branco e máis da xoia ou detalle que o acompaña. A fonte: Youtube, videos previamente selecionados.
  2. Deseño. Bosquexo e ficha técnica de elaboración do propio martisor, onde se explicitan materiais a empregar e proceso. Como se fose unha receita ou titorial escrito. O material máis demandado foi a "Goma Eva", moi de moda na actualidade.
  3. Elaboración.Con paciencia, atención e tranquilidade foron manipulando a goma eva e outros materiais ao alcance para dar forma e sentido ao seu traballo documentado.


Os primeiros traballos elaborados a partir de un completo bosquexo:


Non tardaron en chegar novos e sofisticados traballos en goma Eva.





Para chegar a estes sofisticados e artesanais traballos finais, os rapaces e rapazas tiveron moito traballo previo. O primeiro paso foi o trenzado simbólico branco e vermello. Os titoriais consultados xa advertían da necesidade de dúas persoas para trenzar.

Pois, nun estilo máis ben libre, pero respectando as cores e o significado, comenzaron a trenzar...




Isto foi o comezo de todo o proceso, a medida que ían coñecendo cousas sobre esta tradición e esta festa.
Leron que o día 1 de Marzo agasállanse ás mulleres con Martisores e frores. Elas deben lucir, na roupa ou no pelo, a trenza significativa até o día 12. Os rapaces levan as trenzas como pulsera, para ter máis doado o momento de agasallar. Logo do día 12, o trenzado martisor cólgase dunha árbore. A árbore floreará na primavera e iso é símbolo de fortuna e boa sorte na nova vida que comeza cada Primavera.

Os nosos rapaces e rapazas de 5º curso quixeron ilustrar a tradición e dar pleno sentido ao que leron sobre o tema.








Algúns trenzados apareceron colgados das cerdeiras, laranxeiras e outras árbores do noso colexio.
Desexamos moita vitalidade e sorte a esta xente! Benvida á primavera!

Alegría e festa ,tamén aprendizaxe. 
Na nosa Comunidade tamén se celebra a chegada da Primavera pero non existe festa análoga para comparar. Quizais a festa máis parecida é o 14 de febreiro, festa dos namorados, festa dos corazóns vermellos e na que se agasallan flores... 

Agora xa sabemos  máis sobre a cultura romanesa e as súas festas e tradicións. É razonable que a chegada da Primavera sexa motivo de festas e festivais. Remata o tempo frío, os días comezan a ser máis longos e a xente parece máis animada para danzar entre as primeiras flores que anuncian moita vida primaveral.